
A actuación permitirá renovar preto de catro quilómetros da rede viaria municipal, mellorar a drenaxe e reforzar a seguridade
Santa Comba, 8 de outubro de 2026. O Concello de Santa Comba e a Deputación da Coruña investirán 245.227 euros na mellora da estrada que conecta Os Amezóns, Portochán e Carboeiro, unha actuación que permitirá renovar o firme, solucionar problemas de drenaxe e reforzar a seguridade viaria nunha vía de uso habitual para a veciñanza, o transporte e a actividade agrícola.
O alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinaron este xoves o convenio de colaboración para financiar as obras. No acto tamén participou a tenente de alcalde, Noelia Baleato.
A Deputación achegará 196.181,60 euros, o equivalente ao 80 % do investimento, mentres que o Concello asumirá os 49.045,40 euros restantes.
Romar destacou que a intervención responde a unha demanda trasladada pola veciñanza e permitirá actuar sobre unha vía que presenta importantes problemas no firme e na evacuación das augas pluviais.
“Esta é unha vía de comunicación moi utilizada e cuxa mellora leva tempo sendo demandada. Queremos dar unha solución definitiva aos problemas do firme mediante a súa renovación con aglomerado, acompañada das actuacións de drenaxe necesarias para conservar a estrada en boas condicións”, sinalou o alcalde.
O rexedor agradeceu tamén a colaboración da Deputación da Coruña, que permitirá ao Concello afrontar unha actuación relevante para a mobilidade e a actividade económica dos núcleos rurais.
Romar puxo especialmente en valor o traballo realizado pola tenente de alcalde, Noelia Baleato, veciña da parroquia, para impulsar o proxecto. Segundo destacou, o seu coñecemento das necesidades da zona e as xestións realizadas contribuíron a avanzar na consecución desta mellora.
Renovación do firme e mellora da drenaxe
O proxecto abrangue un tramo de 1.785 metros entre Os Amezóns e Portochán e outro de 1.700 metros entre Portochán e Carboeiro, ademais dos ramais dos Amezóns, Carboeiro e Portomadeiro. En total, a actuación alcanzará preto de catro quilómetros da rede viaria municipal.
As obras incluirán a reparación das zonas máis deterioradas e a extensión dunha nova capa de aglomerado asfáltico de cinco centímetros de espesor. Tamén se limparán e abrirán as cunetas e instalaranse tubos de drenaxe nos accesos aos camiños municipais para facilitar a evacuación da auga e evitar novos danos no pavimento.
Os traballos de limpeza das cunetas estenderanse igualmente ao viario de conexión con Val do Dubra, ata o límite municipal.
En materia de seguridade viaria, o proxecto contempla a instalación de tres redutores de velocidade no tramo entre Os Amezóns e Portochán, así como a renovación da sinalización horizontal e vertical. Executaranse marcas nos bordos da calzada e colocaranse sinais de stop, advertencias dos redutores de velocidade e placas identificativas dos núcleos de poboación.
O prazo previsto para a execución das obras é de catro meses.
A actuación permitirá mellorar as condicións de circulación dunha estrada fundamental para os desprazamentos diarios e para o desenvolvemento da actividade agrícola e de transporte da zona. Con máis de 135 núcleos de poboación, Santa Comba dispón dunha extensa rede de estradas municipais cuxa conservación resulta esencial para garantir a conexión entre os lugares, facilitar o acceso aos servizos e apoiar a actividade económica do rural.
