Santa Comba leva ás aulas e aos espazos públicos o compromiso contra a violencia de xénero

O Concello presenta a programación do 25N, que se desenvolverá do 20 de novembro ao 18 de decembro e combinará cultura, educación e sensibilización social.

Santa Comba, 6 de novembro de 2026. O Concello de Santa Comba impulsa unha nova programación con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, cun calendario de actividades que se desenvolverán entre o 20 de novembro e o 18 de decembro en diferentes espazos do municipio.

A iniciativa, organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) e a Concellería de Servizos Sociais, Igualdade e Muller, Conciliación, Benestar e Promoción da Saúde, combina propostas culturais, educativas e de sensibilización co obxectivo de implicar a toda a sociedade na prevención da violencia de xénero e na promoción de relacións baseadas no respecto, a igualdade e o bo trato.

A programación dá continuidade ao traballo iniciado coa exposición *‘Á Violencia de Xénero… Dille NON!’*, que permaneceu no IES Terra do Xallas ata o pasado 16 de outubro. A mostra gráfica ilustrada, dirixida especialmente á mocidade, achegou ferramentas para identificar e rexeitar comportamentos sexistas nas relacións.

A súa chegada a Santa Comba foi posible grazas ao acordo de colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a FEGAMP para a creación dunha Rede de entidades locais contra a violencia de xénero.

Teatro, música e sensibilización para todos os públicos

As actividades arrancarán o *20 de novembro, ás 9.30 horas, no Auditorio do Edificio Multiúsos, coa representación de *Señores (unha comedia machirula), incluída tamén no ciclo de teatro municipal.

O programa continuará o *23 de novembro* no CEIP Plurilingüe Barrié de la Maza, cun concerto-contacontos a cargo de Música miúda.

Ao día seguinte, o *24 de novembro*, a Casa do Pozo acollerá, a partir das 18.00 horas, unha xornada de sensibilización sobre a violencia de xénero, destinada a promover a reflexión e a concienciación social arredor desta problemática.

O propio *25 de novembro*, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, a Casa do Concello será o escenario do acto institucional e da colocación do lazo, previstos para as 15.00 horas, como mostra do rexeitamento colectivo á violencia contra as mulleres.

A prevención chega tamén ás aulas

A programación educativa terá continuidade o *26 de novembro* no CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña coa actividade A viaxeira no tempo, unha proposta en formato escape room que combina aprendizaxe e participación.

A través dunha viaxe por distintas épocas e da resolución de enigmas, o alumnado poderá identificar diferentes manifestacións da violencia, como o control, os celos, o illamento, a violencia dixital ou a falta de consentimento.

A actividade busca proporcionar ferramentas para detectar comportamentos abusivos e recoñecer as características dunha relación saudable, fundamentada na igualdade, no respecto mutuo e na liberdade.

‘Nabiza Girl’ pechará o calendario

A última cita desta programación terá lugar o *18 de decembro, ás 9.30 horas, no Auditorio do Edificio Multiúsos, coa representación de *Nabiza Girl.

A proposta de Isabel Risco e Alberte Bello presenta unha comedia valente e arriscada que mestura feminismo, reivindicación da lingua galega e defensa do rural a través do humor.

Un compromiso que vai máis alá do 25N

Con este calendario, o Concello de Santa Comba busca estender a sensibilización contra a violencia de xénero máis alá da propia conmemoración do 25N, achegando a reflexión ás aulas e aos espazos públicos e fomentando a implicación da veciñanza.

A programación combina o traballo educativo coa sensibilización social para chegar a diferentes xeracións e ámbitos da comunidade, incidindo na importancia de identificar as condutas machistas, previr situacións de violencia e construír relacións baseadas na igualdade.

O Concello anima a cidadanía a participar nas convocatorias abertas ao público e a sumar esforzos para construír unha sociedade máis igualitaria, libre de violencia e baseada no respecto.