
A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, puxo en valor o labor que desenvolve a rede de Centros Quérote+ da Xunta de Galicia no acompañamento, orientación e asesoramento á mocidade galega. Trátase dun servizo público, gratuíto, seguro e confidencial, dirixido tanto á xente nova como ás súas familias e aos profesionais que traballan no ámbito xuvenil.
A conselleira realizou esta mañá unha visita ao centro Quérote+ de Santiago de Compostela, onde coñeceu de primeira man o traballo que desenvolve o equipo técnico, así como os diferentes servizos de atención presencial e en liña que ofrece a rede. Ángeles Vázquez estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría.
Durante a visita, a responsable autonómica salientou a traxectoria desta iniciativa, posta en marcha hai dúas décadas e que conta actualmente con cinco centros distribuídos por Galicia, nas cidades da Coruña, Lugo, Vigo, Ourense e Santiago de Compostela.
A rede atendeu arredor de 23.000 persoas durante o ano 2025 e levou a cabo preto de 500 accións formativas e de asesoramento, uns datos que reflicten a importancia deste recurso como ferramenta de apoio e prevención entre a mocidade.
Os Centros Quérote+ dispoñen dun equipo multidisciplinar especializado, integrado por profesionais da psicoloxía, da educación social e do traballo social. A súa intervención abrangue diferentes ámbitos fundamentais para o benestar e o desenvolvemento persoal dos mozos e mozas, como a educación afectivo-sexual, a prevención do consumo de drogas, o uso responsable das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) ou o fortalecemento da autoestima.
Con este servizo, a Xunta ofrece á mocidade galega un espazo de confianza no que resolver dúbidas, recibir orientación profesional e atopar acompañamento ante diferentes situacións que poidan afectar ao seu benestar emocional, social e persoal.
