Se os meus non me queren, a Salamanca vou

De Don Diego de Muros III atribúeselle unha frase que di: «Se os meus non me queren, a Salamanca vou». Esta expresión, moi popular nas terras de Muros, emprégase para referirse a aquelas persoas que pretenden facer algo polo seu pobo e non reciben o apoio dos seus veciños. É semellante ao coñecido dito: «Ninguén é profeta na súa terra».

Segundo a tradición popular, o ilustre bispo muradán pretendía construír unha universidade en Muros e, ao non conseguir o respaldo dos seus paisanos, marchou a Salamanca para fundala alí, en terras de Castela. Esta crenza mantívose viva co paso do tempo e, aínda hoxe, cando unha iniciativa que nace en Muros non recibe apoio e acaba levándose a cabo noutro lugar, adoita lembrarse a frase atribuída a Don Diego.

Porén, cómpre poñer as cousas no seu sitio e recoñecer que a Don Diego nunca se lle puido ocorrer fundar a Universidade de Salamanca, xa que esta institución existía moito antes do seu nacemento. Don Diego naceu en 1450, mentres que a Universidade de Salamanca ten a súa orixe no Estudo Xeral instituído en 1218. É a universidade máis antiga de España que continúa en funcionamento e unha das catro máis antigas de Europa, xunto coas de Bolonia, Oxford e París. Ademais, foi a primeira institución educativa europea en recibir oficialmente o título de Universidade mediante unha bula do papa Alexandre IV no ano 1255. Polo tanto, debe quedar ben claro que o muradán Don Diego non tivo ningunha relación coa fundación da Universidade de Salamanca.

Do que si foi fundador en Salamanca foi do Colexio Maior do Salvador, cuarto e derradeiro dos colexios maiores salmantinos, fundado o 21 de setembro de 1521. Tamén foi o responsable da dirección e organización das obras do Hospital Real dos Reis Católicos de Santiago de Compostela, actuando como apoderado e delegado dos Reis Católicos, dos que chegou a ser o primeiro director e administrador.

Así mesmo, participou, xunto co notario Lope Gómez de Marzoa e co seu tío, o bispo de Canarias Don Diego de Muros II, na creación do Estudo Xeral de Santiago, considerado o xerme e a orixe da actual Universidade de Santiago de Compostela. Cómpre lembrar tamén que Don Diego foi o impulsor da creación da Colexiata de Muros, instituída mediante bula do papa Alexandre VI no ano 1500.

Datos biográficos

Don Diego de Muros III naceu na vila de Muros no ano 1450 e faleceu o 18 de agosto de 1525. Era primo de Diego de Muros I, bispo de Tui e de Cidade Rodrigo, e sobriño de Diego de Muros II, bispo de Canarias.

No ano 1483 ingresou no Colexio de Santa Cruz de Valladolid, onde cursou estudos ata graduarse en Sagrada Teoloxía en 1488. De inmediato comezou a impartir esta disciplina na recentemente fundada Universidade de Sigüenza. Pouco despois foi nomeado secretario do cardeal Pedro González de Mendoza, chanceler maior de Castela.

Tras o falecemento do cardeal Mendoza, renunciou ao seu posto na universidade e trasladouse a Santiago de Compostela, onde asumiu o deanado que posuía desde 1494. Ao mesmo tempo ocupouse da administración da imprenta de Valladolid. Participou na fundación do Estudo Vello de Compostela, promoveu a construción do Hospital Real dos Reis Católicos e escribiu diversos ensaios de carácter humanista.

O 4 de abril de 1505 foi nomeado bispo de Mondoñedo e o 1 de outubro de 1512 pasou a ocupar a sé episcopal de Oviedo.

O 21 de setembro de 1521 fundou en Salamanca o Colexio Maior do Salvador, que máis tarde pasou a chamarse Colexio Maior de Oviedo en honra da diocese da que era bispo o seu fundador.

Don Diego de Muros III faleceu o 18 de agosto de 1525.

En memoria de Don Diego de Muros III, destacado colexial da Universidade de Valladolid, a rama masculina do Colexio de Santa Cruz instaurou o premio «Diego de Muros», destinado a distinguir o estudante residente que máis se destacase pola súa participación na vida universitaria.

Autor : Manuel Lago Álvarez