STOP BIOGÁS A LARACHA CONSOLIDA A SÚA ACTIVIDADE SOCIAL EINSTITUCIONAL E REFORZA A MOBILIZACIÓN CIDADÁ CONTRA OPROXECTO DE SOANDRES

A Laracha, 27 de abril de 2026 — A plataforma cidadá STOP BIOGÁS A LARACHA continúa reforzando a súa actividade social, institucional e divulgativa co obxectivo de lograr a paralización do proxecto de planta de biogás previsto na parroquia de Soandres.

Nas últimas semanas, o colectivo incrementou a súa presenza tanto no ámbito institucional como no tecido social da comarca, ampliando apoios e contribuíndo a situar o debate sobre este tipo de instalacións no foco da axenda pública.

Presenza no Parlamento de Galicia

Un dos fitos máis destacados foi a asistencia de representantes da plataforma ao Parlamento de Galicia, convidados polo Grupo Socialista, onde presenciaron a reunión da Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo.

Durante a sesión, as deputadas Patricia Iglesias e Lara Méndez presentaron unha proposición non de lei con medidas orientadas a:

  • Garantir un proceso real e efectivo de información e participación pública
  • Esixir un informe independente sobre os efectos ambientais e na saúde
  • Aprobar unha regulación autonómica específica
  • Impulsar un plan galego de xestión destas instalacións

Pola súa banda, o BNG presentou unha emenda solicitando a paralización cautelar do proxecto en Soandres.

A proposta foi finalmente rexeitada tras a votación, con 9 votos en contra do Grupo Popular e 8 a favor de PSOE e BNG.

Desde a plataforma subliñan que “as palabras teñen que vir acompañadas de feitos” e reiteran o seu carácter apartidista, insistindo en que o seu único obxectivo é a defensa do interese da veciñanza e do territorio.

Crecemento do apoio social

En paralelo, STOP BIOGÁS A LARACHA desenvolveu un intenso labor de concienciación cidadá, participando en diferentes eventos comarcais. A plataforma estivo presente na feira de Carballo e na Travesía do Xalo, onde recibiu o apoio de entidades como Castelo Deporte, Castelo Conta e do Concello de Culleredo.

Especial relevancia tivo tamén a xornada de billarda celebrada en Soandres, no campo de Vista Alegre, que reuniu equipos de toda Galicia e serviu como punto de encontro para veciños e familias da zona afectada. Durante o evento realizáronse accións simbólicas de apoio, incluíndo a gravación de vídeos reivindicativos e a interpretación dunha canción colectiva en defensa do territorio, na que participaron persoas de todas as idades.

Próximas accións: información e mobilización

A plataforma continuará coa súa estratexia informativa cunha charla aberta á cidadanía que terá lugar no Mosteiro de San Pedro de Soandres o vindeiro 2 de maio ás 17:00 horas. Nela participarán o pneumólogo Evaristo Lombardero, que abordará os posibles efectos sobre a saúde, e a gandeira Diana Fernández, que compartirá a súa experiencia directa con este tipo de instalacións.

Ademais, o colectivo convocou unha manifestación cidadá para o 9 de maio ás 12:00 horas en A Laracha, á que convidan a participar tanto á veciñanza como aos diferentes grupos políticos do municipio.

Desde STOP BIOGÁS A LARACHA consideran que a implicación social é clave nun momento no que o proxecto segue en tramitación administrativa, e insisten na necesidade da súa paralización definitiva na localización prevista.

A plataforma conclúe reafirmando o seu compromiso coa defensa do territorio, a saúde pública e un modelo de desenvolvemento respectuoso coas comunidades rurais.