
Chámanlle rede virtual de gas. Na práctica, significa converter as nosas estradas en corredores de transporte de gas mediante camións.
A Plataforma STOP Biometano Xallas-Barcala alerta dunha cuestión que parece quedar fóra do discurso sobre as supostas vantaxes das plantas de biometano: como se vai transportar o gas se non existe unha conexión directa á rede convencional?
Segundo a información da plataforma, o punto de conexión máis próximo estaría en Ames, concretamente en CLUN, o que obrigaría a transportar o biometano por estrada entre 30 e 40 quilómetros.
O percorrido podería atravesar A Picota, O Pino de Val, A Pereira, Fontecada e Barcala, afectando aos concellos de Mazaricos, Santa Comba, Negreira e A Baña.
Falamos de estradas locais estreitas, con firmes precarios e dificultades para o cruzamento de vehículos, ademais da AC-544, unha vía fundamental para comunicar Santiago coa Costa da Morte.
E quen vai pagar as consecuencias?
Máis camións, máis desgaste das estradas, máis necesidades de mantemento e máis riscos para a circulación diaria. Mentres os promotores desenvolven o seu negocio, os concellos e a veciñanza poderían acabar soportando boa parte dos problemas.
Cantos camións circularán cada día? Quen asumirá os custos de reparación? Que garantías existen para a seguridade dos núcleos habitados? Son preguntas que esixen respostas claras, non propaganda verde.
Non se pode vender sustentabilidade mentres se traslada o impacto industrial ás estradas e ás aldeas. O rural non pode converterse no patio traseiro de ningún negocio.
Desde STOP Biometano Xallas-Barcala reclamamos transparencia e rexeitamos que os nosos concellos teñan que asumir as consecuencias dunha infraestrutura que non necesitan.
EN MAZARICOS NON QUEREMOS REDES VIRTUAIS DE GAS. NON QUEREMOS MÁIS CAMIÓNS, MÁIS DESGASTE NIN MÁIS IMPACTOS. O NOSO TERRITORIO NON ESTÁ EN VENDA!
STOP BIOMETANO XALLAS-BARCALA!



