ULTIMA HORA:Tres persoas evacuadas tras unha colisión con tres vehículos en Malpica de Bergantiños

Tres persoas resultaron feridas e tiveron que ser evacuadas este domingo tras unha colisión na que se viron implicados tres vehículos no municipio de Malpica de Bergantiños. Unha delas permaneceu atrapada no interior dun dos coches e foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Carballo para a súa excarceración.

O accidente produciuse pouco antes das 17:30 horas no quilómetro 6 da estrada AC-418, ao seu paso pola parroquia de Leiloio. Segundo informou o 112 Galicia, un dos vehículos implicados acabou envorcado, o que obrigou a mobilizar un amplo operativo de emerxencias.

Ata o lugar desprazáronse efectivos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros de Carballo, do GES de Ponteceso, dos voluntarios de Protección Civil de Malpica e dos servizos de mantemento da vía.

Os bombeiros procederon á liberación da persoa atrapada, que se atopaba consciente no momento do rescate. Unha vez atendidos no lugar do sinistro, os servizos sanitarios trasladaron a tres dos implicados ao centro hospitalario para recibir asistencia médica.

As circunstancias nas que se produciu a colisión están a ser investigadas.