Un novo radar de 40 km/h dispara as multas na contorna da nave de Pescanova en Arteixo


Arteixo.– Varios veciños da contorna da nave de Pescanova veñen denunciando nas últimas semanas a posible presenza dun radar de tráfico nunha das vías próximas, concretamente nun tramo en curva e con pendente descendente.

Segundo relatan algúns residentes, non é a primeira vez que aseguran ter percibido o “flash” dun suposto dispositivo de control de velocidade, incluso circulando por debaixo dos 50 km/h. Esta situación xerou incerteza entre os condutores habituais da zona, que comezan a cuestionar cal é o límite real establecido nese punto.

Ademais, varios veciños apuntan á presenza recorrente dun vehículo de cor negra que, segundo indican, podería pertencer á Policía Local de Arteixo. O coche situaríase con frecuencia no mesmo tramo, o que alimenta as sospeitas de que se estean a realizar controis de velocidade de maneira habitual ou incluso probas para a posible instalación dun radar fixo.

Algunhas voces veciñais sinalan que podería tratarse dunha fase previa á implantación dun novo límite de velocidade de 40 km/h, aínda que polo momento non existe confirmación oficial por parte do Concello.