Un pequeno terremoto con epicentro en Aldemunde de Arriba déixase sentir en Carballo

Un pequeno tremor de terra rexistrado ás 9.43 horas deste domingo deixouse sentir en numerosos puntos do municipio de Carballo. Segundo os datos facilitados polo Instituto Xeográfico Nacional (IGN), o sismo acadou unha magnitude de 2,5.

O epicentro localizouse na parroquia de Aldemunde de Arriba e produciuse a unha profundidade de apenas un quilómetro, un factor que favoreceu que fose percibido por parte da poboación, malia tratarse dun terremoto de baixa magnitude.

Polo momento non constan danos persoais nin materiais derivados deste movemento sísmico. Numerosos veciños aseguraron ter notado unha breve vibración ou un pequeno estrondo, especialmente nas zonas máis próximas ao epicentro.

O Instituto Xeográfico Nacional continúa recompilando información sobre o evento, que se suma aos pequenos movementos sísmicos que ocasionalmente se rexistran en Galicia, unha comunidade con actividade sísmica de baixa intensidade pero recorrente.