Unha familia acolledora da Costa da Morte denuncia insultos e ameazas durante un encontro con membros de SOGAPS en Ponteareas

A familia asegura que a acolledora sufriu unha forte crise de ansiedade e tivo que ser trasladada en ambulancia tras ser, segundo a súa denuncia, rodeada e increpada nun espazo público

Ponteareas (Pontevedra). Unha familia acolledora da Costa da Morte denuncia un episodio de tensión e presuntas ameazas ocorrido este sábado en Ponteareas, durante unha festa de despedida dos nenos saharauís que participaron no programa de acollida temporal en Galicia.

Segundo o relato da familia, unha das acolledoras achegouse á praza do Concello acompañada de tres menores, entre eles a súa filla, coa intención de que o neno que estivera acollido pola familia puidese despedirse dos seus amigos. A familia explica que o menor non fora levado á celebración e que, desde a súa saída do domicilio acolledor, non tiveran oportunidade de manter contacto con el.

Ao non poder despedirse do neno, a muller decidiu abandonar o lugar. Cando se dirixía cara ao vehículo, atopouse cun delegado saharauí, ao que lle preguntou simplemente polo menor. Segundo a súa versión, pouco despois foi rodeada pola presidenta de SOGAPS, varias persoas vinculadas á asociación e outros asistentes.

A familia denuncia que a muller foi obxecto de insultos, increpacións e ameazas, mentres se atopaba acompañada polos tres menores. Ao sentirse acurralada pola situación, a súa filla chamou a unha ambulancia.

Ao lugar acudiron efectivos da Policía Local, da Garda Civil e os servizos sanitarios. A acolledora tivo que ser trasladada en ambulancia debido a unha forte crise de ansiedade, segundo asegura a familia, que dispón dun parte médico. Unha das menores que a acompañaba, ademais, tamén sufriu un importante episodio de nerviosismo.

A familia asegura que, coa chegada dos axentes e da ambulancia, as persoas que supostamente participaran no incidente abandonaron o lugar.

Unha denuncia e preocupación pola súa seguridade

A familia acolledora, procedente da Costa da Morte, afirma que presentou unha denuncia polos feitos e manifesta o seu temor ante posibles represalias, xa que, segundo explican, as persoas implicadas coñecen os seus datos.

A muller continúa recuperándose no seu domicilio e, segundo os seus familiares, aínda se atopa afectada polo sucedido.

Entre as frases que, sempre segundo o seu testemuño, lle terían proferido durante o episodio estaría unha ameaza relacionada coa súa propia familia e coa posibilidade de perder a súa filla.

A familia considera especialmente grave que os feitos se producisen nun espazo público e na presenza de tres menores, e decidiu facer público o sucedido co obxectivo de que situacións semellantes non volvan producirse.

Os feitos forman parte dunha denuncia presentada pola familia, polo que será a investigación correspondente a que determine as circunstancias e posibles responsabilidades derivadas do acontecido.