
Unha persoa tivo que ser excarcerada este mércores tras sufrir un accidente de tráfico na AG-11, ao seu paso por A Pobra do Caramiñal. Era a única ocupante do vehículo.
O sinistro produciuse uns dez minutos antes das 13:00 horas, no quilómetro 36 da autovía. Segundo informou o 112 Galicia, o turismo saíuse da vía e acabou envorcando, deixando a condutora ferida no interior e sen poder abandonar o vehículo polos seus propios medios.
Tras recibir o aviso, os xestores do 112 Galicia mobilizaron os servizos de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os Bombeiros de Ribeira e de Boiro, o GAEM de Ribeira e a Policía Local.
Unha vez no lugar do accidente, os equipos de emerxencias tiveron que empregar material de excarceración para liberar a persoa ferida. Posteriormente, foi atendida e trasladada polos servizos sanitarios.