
Esteiro (Muros). A chegada do verán volve poñer sobre a mesa as queixas da veciñanza de Esteiro polo estado no que se atopa a parroquia. Os residentes denuncian problemas de limpeza e mantemento que, aseguran, se repiten ano tras ano coincidindo coa tempada estival.
«Chegou o verán a Esteiro. E con el, permitídeme a expresión, a merda que nos acompañará ata finalizar setembro», lamentan veciños afectados, que consideran insuficientes as actuacións realizadas ata o momento.
Segundo denuncian, a falta de limpeza e conservación da contorna non só prexudica a imaxe da parroquia nunha época de maior afluencia de visitantes, senón que tamén afecta á calidade de vida de quen reside nela durante todo o ano.
A veciñanza reclama ao Concello de Muros unha actuación inmediata que permita solucionar esta situación e evitar que o problema continúe prolongándose durante toda a tempada estival.
«O Concello de Muros debe escoitar as nosas demandas. A nosa loita segue a ser a súa vergoña», conclúen os denunciantes, que insisten en reclamar un plan de limpeza e mantemento acorde coas necesidades da parroquia.


