
A petición, dirixida ao Concello de Muros, achega aproximadamente 1.000 sinaturas e pide que as administracións responsables actúen para recuperar unha conexión peonil segura
A veciñanza de Esteiro trasladou ao Concello de Muros a súa preocupación pola situación da pasarela peonil de Evaristo, que permanece pechada e impide actualmente unha conexión peonil de especial importancia para residentes e usuarios da zona.
A través dunha petición formal, que achega aproximadamente 1.000 sinaturas, as persoas asinantes reclaman que se adopten as medidas necesarias para buscar unha solución definitiva que permita recuperar esta conexión con todas as garantías de seguridade.
No escrito, a veciñanza deixa claro que comparte a decisión de manter pechada a pasarela mentres non reúna as condicións técnicas e de seguridade necesarias. Porén, considera necesario que as administracións competentes traballen para evitar que o peche se prolongue de maneira indefinida.
A petición solicita ao Concello de Muros que desempeñe un papel activo como administración máis próxima á cidadanía e que actúe como interlocutor ante as administracións que teñan competencias ou responsabilidades sobre a infraestrutura.
Entre as medidas propostas figura que o Concello lidere e impulse as xestións necesarias para conseguir unha solución definitiva, trasladando formalmente as sinaturas e a preocupación da veciñanza á Administración competente. Tamén se pide que se adopten as medidas necesarias para a reparación ou reconstrución da pasarela, segundo determinen os informes técnicos.
Outro dos puntos da petición reclama a convocatoria dunha reunión coa Administración competente para coñecer as actuacións previstas, os prazos estimados e as posibles solucións para recuperar unha conexión peonil segura.
Mentres non se execute unha solución definitiva, os asinantes propoñen que se estuden, dentro das posibilidades técnicas e legais existentes, alternativas que permitan manter unha conexión peonil segura entre as zonas afectadas.
Finalmente, solicitan que o Concello manteña informada a veciñanza sobre as xestións realizadas, as respostas recibidas e os prazos ou compromisos que se acaden.
As persoas promotoras da iniciativa subliñan que non están solicitando a apertura da pasarela se esta non reúne as condicións de seguridade necesarias, senón que reclaman que o problema non quede nunha situación indefinida e que as administracións responsables traballen para ofrecer unha solución segura, definitiva e nun prazo razoable.