Veciños da Laracha denuncian un trato desigual na limpeza das cunetas do municipio

A Laracha. Veciños do municipio denuncian o que consideran un trato desigual no mantemento das estradas e na limpeza das cunetas por parte do Concello.

Segundo explican, nos últimos días realizáronse traballos de roza e limpeza no tramo da estrada que vai de Gabenlle á Xesta, así como no que comunica Os Muiños coa Xesta. Porén, aseguran que quedou sen actuar outro tramo moi transitado: o que vai desde As Cardosas ata a Igrexa.

Os residentes afirman que neste punto a maleza invade boa parte da vía, chegando nalgúns lugares ata preto do medio da calzada, o que, segundo indican, reduce a visibilidade e dificulta o paso dos vehículos, ademais de supoñer un posible risco para a seguridade viaria.

Os veciños mostran o seu malestar por esta situación e reclaman que os labores de mantemento se realicen de maneira equitativa en todas as zonas do concello. «Pagamos os impostos igual ca os demais e non entendemos por que unhas estradas se limpan e outras quedan abandonadas», sinalan.

Por este motivo, solicitan ao Concello da Laracha que inclúa tamén este tramo nos traballos de limpeza e que se establezan criterios iguais para todo o municipio, garantindo un adecuado estado de conservación das vías públicas.