Veciños da Porteliña denuncian a reiteración de accidentes e reclaman medidas urxentes ao Concello de Muros

Unha residente asegura que tres vehículos da súa propiedade xa resultaron afectados mentres estaban estacionados e advirte do perigo que supón a falta de visibilidade no paso de peóns.

Un novo accidente rexistrado hoxe na Porteliña volve poñer sobre a mesa os problemas de seguridade viaria que denuncian os veciños desta zona do municipio de Muros.

Segundo relata unha residente, nesta ocasión outro vehículo estacionado resultou alcanzado, sumándose a unha longa lista de incidentes que, asegura, se veñen producindo no lugar. No seu caso particular, afirma que xa lle levaron por diante tres coches mentres estaban aparcados, dous deles considerados sinistros.

A veciña explica que leva máis dun ano reclamando solucións ao Concello, tanto mediante escritos presentados en papel como por vía telemática, ademais de manter conversas coa Policía Local, a Garda Civil e a propia alcaldesa.

Segundo o seu testemuño, a rexedora chegou a trasladarlle que se adoptarían medidas, despois de recibir un informe da Policía Local que, asegura, lle daba a razón. Tamén lle indicaron que, ao tratarse dunha vía situada en zona urbana, existía a posibilidade de actuar para reducir a velocidade.

Porén, a residente denuncia que, máis dun ano despois, continúa sen haber solucións visibles.

Outro dos problemas que sinala é a falta de visibilidade no paso de peóns, que considera especialmente perigoso. Afirma que os vehículos estacionados demasiado preto do cruzamento dificultan que os condutores poidan ver as persoas que intentan atravesar a estrada. Mesmo denuncia que actualmente hai unha furgoneta do propio Concello aparcada xunto ao paso de peóns.

A veciña asegura que tamén presentou reclamacións por esta situación sen obter resposta efectiva e reclama medidas antes de que se produza un accidente con consecuencias graves.

A súa petición é clara: reducir a velocidade, mellorar a visibilidade e garantir a seguridade dos peóns. Unha demanda que, segundo denuncia, leva máis dun ano esperando resposta municipal.

Agora decide facer pública a situación nas redes sociais para reclamar ao Concello de Muros que actúe e que non espere a que aconteza unha desgraza para tomar medidas.