Veciños de A Abelleira denuncian traballos nocturnos e unha posible agresión ambiental na Punta

Os residentes aseguran que unha pala traballou durante a noite na zona e que a maquinaria estaba a romper as pedras que sobresaen da Punta

Veciños da parroquia de A Abelleira, en Muros, denuncian os traballos realizados durante a pasada noite na zona da Punta, unha actuación que consideran unha posible agresión contra o patrimonio paisaxístico e ambiental do lugar.

Segundo explican os residentes, ben entrada a noite comezaron a escoitarse os ruídos estridentes dunha máquina escavadora traballando na zona. Varios veciños decidiron achegarse ata o lugar e, segundo o seu testemuño, puideron comprobar como a maquinaria estaba a romper as pedras que sobresaen da Punta.

Os veciños aseguran descoñecer se estes traballos contan coa correspondente licenza ou autorización administrativa e reclaman que se aclare con urxencia quen autorizou a actuación e con que finalidade se está levando a cabo.

Desde A Abelleira amosan o seu profundo rexeitamento a este tipo de intervencións, que consideran unha ameaza para un espazo de gran valor paisaxístico e ambiental. «Condenamos este tipo de actuacións que destrúen o noso patrimonio paisaxístico e ambiental», sinalan.

A preocupación veciñal céntrase tamén en coñecer se os traballos dispoñen de todos os permisos necesarios e se se avaliaron previamente as posibles consecuencias sobre o entorno.

Pola súa parte, os veciños anuncian que tomarán as medidas oportunas e solicitarán ás administracións e organismos competentes as pertinentes explicacións sobre o sucedido e sobre as autorizacións que puidesen existir para realizar estes traballos.

Mentres agardan respostas, desde A Abelleira reclaman que se respecte o patrimonio natural da parroquia e que calquera actuación sobre este espazo se realice con todas as garantías legais e ambientais.