
Os residentes reclaman ao Concello unha actuación urxente ante a acumulación de lixo, maleza e a falta de mantemento das arquetas, especialmente ante o risco de inundacións
Veciños de diferentes puntos de Coristanco amosan o seu malestar polo estado de limpeza e mantemento dalgunhas rúas do municipio. Segundo denuncian, a suciedade acumúlase en distintos espazos públicos mentres que a maleza medra nos bordillos e nas marxes das vías, ofrecendo unha imaxe de abandono.
Unha das principais queixas dos residentes está relacionada co estado das arquetas e dos sistemas de drenaxe. Os veciños aseguran que, en moitas ocasións, estas instalacións permanecen sen limpar, acumulando follas, terra e outros residuos que dificultan a correcta evacuación da auga.
A situación preocupa especialmente durante os episodios de choiva intensa, xa que, segundo explican, son os propios veciños os que teñen que retirar a sucidade das arquetas para evitar que a auga se acumule e provoque inundacións.
“Temos que ser nós mesmos os que limpemos as arquetas cando chove con forza, porque se están atascadas a auga non ten por onde saír”, sinalan algúns residentes, que consideran que estas tarefas deberían formar parte do mantemento habitual das vías públicas.
Á falta de limpeza súmase o crecemento da maleza nos bordillos, que nalgúns puntos dificulta incluso a correcta visión e conservación das beirarrúas e das marxes das estradas.
Os afectados reclaman unha limpeza máis frecuente das rúas, bordillos e sistemas de drenaxe, así como un maior control do estado das infraestruturas para previr problemas, especialmente durante os meses de maior precipitación.
Os veciños consideran que un adecuado mantemento preventivo permitiría mellorar a imaxe das parroquias e, sobre todo, reducir o risco de atascos e inundacións cando se producen choivas intensas.


