Zas recupera o lavadoiro do rego de Barriazón na contorna da Pedra do Altar

A actuación permitirá poñer en valor este elemento do patrimonio tradicional e integralo na paisaxe da área arqueolóxica

O Concello de Zas está a levar a cabo os traballos de limpeza e renovación integral do lavadoiro do rego de Barriazón, situado na contorna da área arqueolóxica da Pedra do Altar.

A intervención ten como obxectivo recuperar este elemento do patrimonio tradicional e, ao mesmo tempo, favorecer a súa integración tanto no espazo arqueolóxico como na paisaxe que o rodea.

Os traballos están a desenvolverse seguindo criterios de respecto pola contorna. Así, a recuperación realízase sen empregar cemento e utilizando materiais autóctonos, buscando manter o carácter tradicional da construción e conseguir unha integración natural no ámbito.

A actuación inclúe a limpeza e renovación completa do lavadoiro, así como a recuperación dos diferentes elementos que forman parte deste espazo. Deste xeito, o Concello pretende contribuír á conservación do patrimonio etnográfico local e á posta en valor dun enclave que forma parte da paisaxe e da memoria tradicional de Zas.

Os traballos están xa moi avanzados e está previsto que nos próximos días rematen coa instalación da cuberta de tella, o último elemento pendente para completar a recuperación do lavadoiro.

Con esta actuación, o Concello de Zas continúa coa mellora e posta en valor da contorna da Pedra do Altar, apostando pola conservación do patrimonio local e por intervencións respectuosas coa paisaxe.