Malpica de Bergantiños. Varios veciños de Malpica puxéronse en contacto con este medio para facer chegar varios vídeos nos que, segundo denuncian, se pode apreciar o estado de falta de limpeza que presentan diferentes beirarrúas e beiravías do pobo.
Nas imaxes remitidas polos residentes obsérvase a presenza de vexetación, maleza e sucidade en distintos puntos, unha situación que, segundo trasladan, estaría xerando malestar entre parte da veciñanza.
Os afectados reclaman ao Concello unha maior atención ás tarefas de limpeza e mantemento dos espazos públicos, especialmente en zonas de paso habitual para peóns. A petición chega nun momento no que o propio Concello conta con actuacións e persoal destinado a labores de limpeza de beiravías e camiños municipais. En maio, o Goberno local anunciou a contratación de catro peóns forestais a través do programa PEL-Concellos 2026, entre cuxas funcións figuran precisamente a limpeza de beiravías e camiños, os desbroces e o acondicionamento de áreas de ocio.
A situación da limpeza e a xestión dos residuos xa fora obxecto de queixas e chamadas ao civismo en Malpica. O pasado mes de febreiro, o Concello denunciou publicamente o mal uso dos colectores e advertiu da existencia de residuos abandonados fóra dos recipientes, anunciando medidas para intensificar a vixilancia e actuar nos puntos máis conflitivos.
Agora, os veciños que fixeron chegar os vídeos solicitan que se revisen os puntos nos que consideran que é necesaria unha intervención de limpeza e mantemento.
Desde o Concello, a través da súa sede electrónica, existe ademais un procedemento específico para solicitar o acondicionamento de camiños e terreos, así como un buzón de suxestións, queixas e reclamacións.
A veciñanza agarda que as zonas sinaladas sexan revisadas e que se adopten as medidas necesarias para mellorar o estado das vías e espazos públicos do municipio.