
Malpica de Bergantiños, 21 de xuño de 2026.- Veciños de Malpica de Bergantiños atoparon hoxe unha noiteboa cinsenta (Ave Rapaz) ferida e intentaron contactar co Concello para solicitar asistencia e a recollida do animal. Segundo explican, chamaron aos números de teléfono dispoñibles da administración local sen conseguir que ninguén atendese as chamadas.
Os veciños sinalan que a ave presentaba lesións e precisaba atención urxente, polo que a falta de resposta xerou preocupación entre as persoas que trataron de axudala.
A situación volve poñer o foco nas obrigas das administracións locais recollidas na Lei 7/2023, de protección dos dereitos e o benestar dos animais. O artigo 22 establece que corresponde aos concellos a recollida de animais extraviados e abandonados, así como a existencia dun servizo de urxencia para a súa recollida e atención veterinaria, operativo as vinte e catro horas do día.
Os veciños afectados consideran que a cidadanía debe dispoñer dun sistema eficaz de atención para comunicar este tipo de incidencias, especialmente cando se trata de animais feridos que precisan unha intervención rápida.
Á espera dunha explicación oficial, reclaman ao Concello de Malpica de Bergantiños que informe sobre os protocolos de actuación existentes e sobre os recursos dispoñibles para atender situacións de emerxencia relacionadas co benestar animal.
Finalmente, os veciños lembran a importancia de contar cun servizo accesible e operativo durante todo o día para garantir unha resposta rápida ante casos como o sucedido hoxe no municipio.
