
A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu esta tarde a presentación do documental O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira, unha iniciativa impulsada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) co obxectivo de poñer en valor a historia, a paisaxe e o patrimonio da comarca.
A alcaldesa de Vimianzo foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes, destacando a importancia de coñecer, preservar e transmitir o patrimonio que forma parte da identidade da Terra de Soneira.
No acto participaron tamén Xosé María Lema Suárez, presidente do SEMESCOM; Moncho Gándara, vicepresidente da entidade; Manuel Rial, director e narrador do documental; e Pablo Alvite, responsable da gravación, realización e montaxe.
A presentación converteuse nunha oportunidade para afondar na historia do río do Porto, un curso fluvial estreitamente ligado á vida e á evolución da comarca, e para reivindicar o papel fundamental da investigación e da divulgación na conservación da memoria colectiva.
Desde o Concello de Vimianzo agradeceuse ao SEMESCOM e a todas as persoas implicadas neste proxecto o seu compromiso coa cultura, coa recuperación da memoria e coa difusión do patrimonio da Costa da Morte.
Coñecer a nosa historia é tamén unha forma de preservar a nosa identidade e de coidar o patrimonio que nos define como comarca.



