


O alumnado do CEIP San Vicenzo leva a inspiración da Costa da Morte ás cristaleiras do comercio local a través dunha iniciativa do VIMINDIE.
Vimianzo énchese de arte e cor grazas á creatividade do alumnado do CEIP San Vicenzo, que ilustrou as cristaleiras de distintos establecementos comerciais con debuxos inspirados na Costa da Morte.
A iniciativa, impulsada polo VIMINDIE, Festival de Autoedición e Cultura Independente da Costa da Morte, busca achegar a cultura ás rúas de Vimianzo e crear un vínculo entre a educación, a expresión artística e o comercio local.
A proposta contou coa colaboración de Raquel Gerpe, do CEIP San Vicenzo, da rapazada participante e dos establecementos comerciais que abriron as súas cristaleiras para converter os escaparates en pequenos espazos expositivos.
Deste xeito, os debuxos infantís transforman as rúas nun percorrido artístico aberto a toda a veciñanza e ás persoas visitantes, ao tempo que contribúen a dinamizar o comercio de proximidade e a poñer en valor a identidade cultural e paisaxística da Costa da Morte.
Desde a organización animan a veciñanza a pasear por Vimianzo, descubrir os escaparates ilustrados e gozar desta mostra de creatividade ao aire libre, apoiando ao mesmo tempo os negocios locais.
Unha iniciativa que demostra que a arte tamén pode saír das aulas e converterse nun punto de encontro entre a infancia, a cultura e a comunidade.






