Xeal abre as comportas do embalse de Santa Uxia debido a borrasca Claudia

Cee (A Coruña), 13 de novembro de 2025.
A chegada da borrasca Claudia provocou intensas precipitacións e un notable incremento do caudal no encoro de Santa Uxía, no concello de Cee. Ante esta situación, a empresa XEAL viuse obrigada a abrir parcialmente as comportas para garantir a seguridade da infraestrutura e evitar posibles desbordamentos.

Fontes da compañía explicaron que a medida é “estritamente preventiva” e forma parte do protocolo habitual de xestión en episodios de choivas intensas. Os técnicos de XEAL levan varios días a monitorizar en tempo real os niveis do encoro, desde o pasado martes, cando a borrasca comezou a descargar con forza sobre a comarca de Fisterra.

O episodio meteorolóxico, asociado a Claudia, deixou acumulacións de choiva superiores aos 80 litros por metro cadrado nalgúns puntos da Costa da Morte, acompañadas de refachos de vento que superaron os 100 quilómetros por hora.
Protección Civil mantén activada a alerta amarela por choiva e vento na zona e recomenda extremar a precaución nos desprazamentos.

O encoro de Santa Uxía, xestionado por XEAL, forma parte do sistema hidroeléctrico que abastece as plantas industriais de Cee e Dumbría. Segundo informou a empresa, a apertura das comportas estase realizando de maneira controlada e “sen risco para a poboación nin para as infraestruturas situadas augas abaixo”.

As previsións meteorolóxicas apuntan a que Claudia se desprazará cara ao Cantábrico nas próximas horas, aínda que as precipitacións poderían continuar en Galicia ata a fin de semana.