
Muxía, — Unha peregrina portuguesa foi rescatada este mediodía na zona da rampla do porto de Muxía despois de sufrir unha indisposición mentres se bañaba no mar.
Os feitos aconteceron arredor das 12:45 horas, cando o 112 Galicia requiriu a intervención dos servizos de emerxencias tras recibir o aviso de que unha persoa se atopaba indisposta na zona portuaria.
Ata o lugar desprazáronse o equipo de garda de Protección Civil de Muxía, así como un axente da Policía Local fóra de servizo. O 112 Galicia mobilizou tamén efectivos do 061 Urxencias Sanitarias de Galicia, da Garda Civil, o helicóptero medicalizado H3, con base en Santiago, e efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC).
Ao chegar ao lugar, os intervenientes comprobaron que se trataba dunha muller que se atopaba bañándose na zona e que, ao parecer, sufrira unha indisposición, sendo posteriormente avistada flotando no mar, boca arriba.
A rápida reacción dun veciño da vila permitiu rescatar a muller da auga e trasladala ata a base de Protección Civil de Muxía. Alí prestáronselle os primeiros auxilios e realizáronse as manobras de reanimación necesarias ata a chegada dos servizos sanitarios.
A intervención permitiu estabilizar a peregrina, que posteriormente foi atendida polo persoal sanitario desprazado ata o lugar.
O helicóptero medicalizado H3 trasladouse ata Muxía para participar no dispositivo, aínda que finalmente non foi necesaria a evacuación por vía aérea.
A muller foi finalmente trasladada en ambulancia ao Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, onde quedou para a correspondente valoración e revisión médica.
Desde a Agrupación de Protección Civil de Muxía trasladaron os seus desexos dunha pronta e satisfactoria recuperación á peregrina.
🚑 Efectivos participantes
▶️ AVPC Protección Civil de Muxía
▶️ Garda Civil
▶️ 061 Urxencias Sanitarias de Galicia
▶️ HelicoSantiago 🚁
▶️ Policía Local de Muxía
