Máis de 300 persoas participaron na segunda Comida de Maiores de Laxe nunha xornada chea de emoción e homenaxes

O salón encheuse este domingo de alegría, reencontros e emoción coa celebración da segunda Comida de Maiores organizada polo Concello de Laxe, unha cita que reuniu a máis de 300 veciñas e veciños nun ambiente marcado pola música, as conversacións, os abrazos e o cariño.

Desde o Concello destacaron o éxito dunha iniciativa que xa se consolida como unha das celebracións máis especiais do calendario local, pensada para recoñecer e agradecer a todas aquelas persoas que tanto contribuíron ao desenvolvemento e á historia do municipio.

Un dos momentos máis emotivos da xornada chegou coa entrega de recoñecementos ás persoas máis lonxevas do concello. D. Roberto Barba Alvedro, director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero da Xunta de Galicia, entregou un detalle especial á veciña de maior idade, mentres que o alcalde Paco Charlín fixo entrega do recoñecemento ao veciño máis lonxevo, nun acto moi aplaudido polas persoas asistentes.

Ademais, o alcalde, o grupo de goberno e os funcionarios municipais repartiron pequenos agasallos entre todas as persoas participantes para que cada unha delas puidese levar un recordo desta entrañable xornada.

Durante o encontro tamén se realizou o sorteo de cinco cestas con produtos adquiridos no comercio local, unha iniciativa coa que o Concello quixo apoiar os negocios e establecementos de proximidade e poñer en valor o comercio local.

O Concello agradeceu igualmente a presenza das diferentes autoridades e representantes locais que acompañaron aos maiores neste día tan especial.

A imaxe dun salón cheo de sorrisos, emoción e convivencia volveu demostrar que iniciativas coma esta teñen un enorme valor social e humano para toda a veciñanza de Laxe.