Festa homenaxe aos nosos maiores reúne a 670 persoas no pavillón do IES Agra de Leborís

O pavillón do IES Agra de Leborís acolleu hoxe unha nova edición da tradicional Festa Homenaxe aos Nosos Maiores, unha cita anual xa imprescindible para o colectivo das persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas do municipio, na que participaron arredor de 670 persoas.

A xornada comezou cunha misa oficiada polos párrocos D. Manuel Boullón e D. Manuel Mallo, aos que o Concello trasladou o seu agradecemento pola súa participación neste encontro de convivencia e recoñecemento ás persoas maiores.

Durante o acto institucional, o alcalde deu a benvida ás persoas asistentes e destacou o amplo programa de actividades que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano para este colectivo, facendo especial fincapé nas iniciativas orientadas á prevención da soidade non desexada e ao fomento dun envellecemento activo e saudable.

No transcurso do evento, o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López, entregaron un detalle institucional ás persoas de maior idade asistentes á celebración. As homenaxeadas foron:

  • Josefa Esperanza Vázquez Castiñeiras, veciña da Agrela, na parroquia de Lestón, con 101 anos.
  • Manuel Sánchez Tuset, veciño da Porta Santa, tamén na parroquia de Lestón, con 94 anos.

A programación continuou cunha exhibición do alumnado da actividade de Bailes en Liña, integrada no programa municipal “Saudables”, que puxo ritmo e animación á tarde antes do inicio do baile, previsto para as 17:30 horas.

A celebración volveu converterse nun espazo de encontro, convivencia e recoñecemento ao papel fundamental das persoas maiores na vida social do municipio.