
A Casa da Cultura de Vimianzo acolleu hoxe a presentación do conto ilustrado Por que se lle revirou o peteiro á Curuxa Maruxa?, unha publicación impulsada polo Concello co obxectivo de sensibilizar sobre a soidade non desexada e fomentar, desde a infancia, valores como a amizade, a empatía e a interacción social.
O libro, editado coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Imprenta Provincial, enmárcase dentro do plan municipal “Conectando Corazóns”, unha iniciativa centrada en fortalecer as redes de apoio comunitario e promover o acompañamento emocional entre a veciñanza.
No acto participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez Ordóñez, a deputada provincial de Política Social, Mar García Vidal, e o autor do texto, o psicólogo municipal Sergio Trillo. A presentación contou tamén coa asistencia do alumnado de 1º e 2º de Educación Primaria do CEIP San Vicenzo.
Durante o acto, Mar García Vidal destacou a importancia de abordar a soidade non desexada desde idades temperás. “A soidade non é só unha realidade das persoas maiores, senón un reto social que debemos traballar desde todas as idades, tamén desde a infancia, educando na empatía, na escoita e no coidado dos demais”, sinalou.
Pola súa parte, a alcaldesa Mónica Rodríguez definiu o conto como “unha invitación a coidar, a mirar polos demais e a lembrar que todos merecemos sentirnos acompañados”. A rexedora incidiu ademais en que “a soidade ás veces chega sen avisar e pesa máis do que debería. Pero cando alguén nos escoita, ese peso desaparece”.
Unha historia sobre a importancia de acompañar
A obra conta a historia de Maruxa, unha curuxa que un día esperta co peteiro torcido debido a un sentimento que non consegue comprender. Na procura dunha resposta, percorre distintas parroquias de Vimianzo e atópase con varios animais, todos eles ocupados nas súas rutinas e incapaces de reparar no que lle sucede.
Será finalmente o encontro coa comunidade, a música e o baile dunha muiñeira no Castro das Barreiras o que lle permita recuperar a alegría e comprender que aquilo que sentía tiña un nome: soidade.
O libro inclúe ademais unha actividade final pensada para que os nenos e nenas identifiquen as súas redes de confianza e reflexionen sobre as persoas ás que poden acudir cando se sintan sós ou precisen axuda.
Con esta iniciativa, o Concello de Vimianzo aposta por utilizar a literatura infantil como ferramenta educativa e social para fomentar desde a infancia pequenos xestos de acompañamento, escoita e apoio mutuo.