
O BNG da Laracha levará ao pleno ordinario deste xoves 28 de maio tres iniciativas centradas na defensa dos servizos públicos, a protección ambiental e a mellora das infraestruturas da comarca. A voceira municipal, Carolina Castiñeiras Brandón, presentará varias mocións e preguntas co obxectivo de “defender os intereses da veciñanza fronte a proxectos e decisións que afectan directamente á calidade de vida da cidadanía”.
Entre as propostas destaca a moción relativa á instalación dunha antena de telefonía móbil de grandes dimensións nunha parcela anexa ao CEIP Otero Pedraio. O BNG solicitará ao goberno municipal que inicie os trámites para adquirir os terreos lindantes co centro educativo, co fin de crear unha franxa de protección e garantir futuras ampliacións do colexio. Ademais, a formación nacionalista pide que se busque unha localización alternativa para a infraestrutura, afastada das vivendas e do centro escolar.
Outro dos asuntos centrais será o rexeitamento ao proxecto da macroplanta de biogás promovida pola empresa Aratel no lugar de Vista Alegre, na parroquia de Soandres. O BNG alerta do forte impacto ambiental e social que podería supoñer esta instalación, tanto polo volume de residuos previstos como polo consumo de auga, o tráfico pesado, os cheiros e os posibles efectos sobre o río Anllóns e a contorna rural.
Na moción, a formación solicita á Xunta de Galiza que non declare o proxecto como iniciativa estratéxica, que denegue a autorización ambiental e que impulse unha normativa específica para regular este tipo de plantas en Galiza antes de continuar coa súa tramitación. O grupo municipal tamén critica a falta de transparencia do goberno local neste proceso e reclama unha maior participación veciñal nas reunións institucionais relacionadas co proxecto.
Finalmente, o BNG volverá reclamar a gratuidade da autoestrada AG-55 entre A Coruña e Carballo, denunciando o que considera “30 anos de abuso e agravio” para a veciñanza da Costa da Morte e Bergantiños. A moción insta á Xunta a eliminar as peaxes e a executar actuacións urxentes para mellorar a seguridade viaria dunha infraestrutura que, segundo denuncian, presenta graves deficiencias no firme e numerosos puntos con acumulación de auga.
Desde o BNG consideran que estas iniciativas responden ás principais preocupacións sociais e ambientais da comarca e apelan ao resto dos grupos municipais a apoiar propostas “pensadas para protexer o territorio, os servizos públicos e o benestar da veciñanza”.
O grupo municipal nacionalista adxunta tamén os textos íntegros das mocións e preguntas rexistradas para este pleno ordinario.