
A esperada Cea Medieval do Asalto ao Castelo xa ten data para a apertura da venda de entradas ao público xeral. Será este xoves 28 de maio ás 10:00 horas, a través das plataformas Woutick e Asalto ao Castelo.
A experiencia, considerada unha das propostas máis exclusivas da programación, permitirá ás persoas asistentes reunirse no foso do castelo de noite, á luz do lume e degustando alimentos anteriores ao descubrimento de América, recreando así unha auténtica ambientación medieval.
A organización lembra que a capacidade é moi limitada e que as entradas dispoñibles son escasas, polo que recomenda estar atento/a no momento da apertura da venda para poder conseguilas.
Tras o prazo reservado para patrocinadoras e voluntariado, chega agora a quenda do público xeral, que tamén pode adquirir xa as entradas para os concertos e para a representación principal do Asalto.
A Cea Medieval consolídase así como unha das actividades máis singulares e demandadas do evento, combinando historia, gastronomía e espectáculo nunha experiencia única.