
A Garda Civil en colaboración coa Policía Local de A Pobra do Caramiñal desmantelou un punto de venda de substancias estupefacientes nesta localidade e detivo a unha veciña como presunta autora dun delito contra a saúde pública, no marco da operación “Congast”.
Segundo informaron as forzas actuantes, a investigación iniciouse tras ter coñecemento da posible existencia dun punto de venda de droga na vila. A actuación foi desenvolvida por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Boiro en coordinación coa Policía Local pobrense.
Durante o operativo, os axentes sorprenderon á sospeitosa cando se dispoñía a realizar unha transacción de droga. Na intervención foronlle incautadas 6 doses individuais de cocaína, 3 doses de heroína e diñeiro fraccionado, procedéndose á súa detención inmediata.
Posteriormente, e tras recompilar diversos indicios sobre a súa presunta actividade ilícita, os corpos de seguridade realizaron un rexistro no domicilio da detida. No interior da vivenda atoparon 67 doses de cocaína, 84 doses de heroína, 1.189 euros en moeda fraccionada, así como diverso material destinado á manipulación e preparación das doses para a súa venda.
Ademais, os axentes localizaron un puño americano con función adicional de pistola de descargas eléctricas, que tamén foi incautado.
A Garda Civil e a Policía Local agradeceron a colaboración cidadá, xa que as informacións achegadas por veciños resultaron fundamentais para o avance da investigación e o éxito da operación.