
O concelleiro do PSOE de Malpica, Sergio Manuel García Villar, publicou nas súas redes sociais varias imaxes denunciando o mal estado dunha das estradas do municipio, concretamente a vía que une Cambre coa Telleira.
Segundo sinala o edil socialista, esta situación “é o claro exemplo de como está o Concello de Malpica”, facendo referencia ao deterioro das infraestruturas municipais e á falta de mantemento por parte do actual goberno local do PP.
Dende o PSOE consideran que o executivo municipal “está esgotado”, criticando ademais a situación económica do concello, que cualifican de “bancarrota”, mentres aseguran que os principais prexudicados son os veciños e veciñas das distintas parroquias.
“O problema non é só desta estrada. En todas as parroquias existen este tipo de deficiencias”, apuntan os socialistas, que reclaman unha actuación urxente para mellorar o estado das vías e garantir a seguridade da cidadanía.
As críticas chegan nun momento no que diferentes colectivos veciñais tamén levan tempo denunciando a falta de investimentos e o abandono dalgunhas infraestruturas municipais.