
A Xunta de Galicia iniciará nos próximos días, cun investimento total previsto de 1,1 millóns de euros, as obras de acondicionamento e mellora en varios tramos do futuro Camiño do litoral de Galicia, unha ruta que vertebrará de norte a sur a costa máis extensa de todo o país a través dun percorrido de máis de 1.300 quilómetros e que se poderá percorrer tanto a pé como en bicicleta.
Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que visitou precisamente o primeiro punto sobre o que se vai intervir, en concreto, un camiño tradicional de 500 metros que conecta os núcleos de Riba de Mar e Seilán e forma parte da etapa 32 entre O Freixo e Noia do Camiño do Litoral.
Tras explicar que as obras previstas ao longo de todo o itinerario pola costa se dividirán en dúas fases, a responsable autonómica indicou que, no marco da primeira que comeza agora, foron incluídas aquelas consideradas máis urxentes e prioritarias. En concreto, serán 20 intervencións en 16 concellos que resolverán as necesidades máis urxentes mediante intervencións concretas en arredor de 30 quilómetros do trazado.
En calquera caso, a conselleira insistiu en que gran parte do itinerario polo que discorrerá o futuro Camiño do Litoral para conectar toda Galicia pola costa non requirirá intervencións significativas por parte do seu departamento.
De feito, sinalou que o 90% do trazado discorre por rutas ou camiños consolidados, zonas urbanas en bo estado ou outras tipoloxías de infraestruturas xa existentes, mentres que o 10% restante necesitará actuacións puntuais e específicas para garantir que sexan transitables e a continuidade da propia ruta.
Os traballos previstos consistirán en labores de limpeza e roza, mellora da drenaxe dos camiños, adecuación de firmes e outras obras similares, en función das necesidades de cada lugar. Ademais, tamén se procederá á apertura puntual de novos tramos para asegurar a continuidade do percorrido e evitar aqueles puntos que poidan comprometer a seguridade dos usuarios ou fagan menos funcional o percorrido.
Neste sentido, Ángeles Vázquez considerou que a intervención prevista en Outes representa, precisamente, “o modelo de actuación respectuoso” que quere impulsar a Xunta co Camiño do Litoral, apostando pola integración paisaxística e a recuperación de sendas “que forman parte da memoria e da identidade dos territorios costeiros”.
En particular, explicou que neste caso se trata dun tramo público dun camiño tradicional que conectaba historicamente Riba de Mar e Seilán e que agora será acondicionado cunha inversión de 9.500 euros para devolverlle a súa funcionalidade e transitabilidade.
Actuación estratéxica da Lei do litoral
O Camiño do litoral pretende enlazar espazos de elevado valor paisaxístico con núcleos habitados, funcionando como un corredor territorial continuo que mantén a maior parte do tempo unha relación visual directa co mar.
O fin último é amosar que o litoral galego está vivo e conxuga esa protección do patrimonio cultural e ambiental coa actividade económica e social, un dos piares básicos da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, que regula o exercicio pleno das competencias sobre a costa.
De feito, na propia norma recóllese como actuación estratéxica o impulso da creación dunha senda ou rede de sendas ao longo dos espazos terrestres do litoral. O obxectivo é poñer en valor a riqueza natural, cultural, etnográfica e arquitectónica dos seus 2.555 quilómetros de costa —caracterizada pola súa gran variedade de paisaxes e unha biodiversidade moi extensa e na que viven máis de 1,5 millóns de persoas—, mediante a unificación de sendas litorais xa existentes e tramos diferenciados da costa con características paisaxísticas, morfolóxicas e patrimoniais propias.
Neste sentido, os traballos de adecuación previstos veranse complementados coa instalación da sinalización deseñada pola Xunta para identificar de forma clara e homoxénea as distintas etapas do Camiño do Litoral, así como cunha aplicación móbil específica que incluirá todas as etapas do itinerario, información sobre os elementos relevantes recollidos no Catálogo de bens de valor cultural do litoral e outros datos de interese sobre o patrimonio natural característico da contorna.





