
O Concello de Carballo continúa a desenvolver un ambicioso plan de actuacións na rede viaria municipal co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, reforzar a accesibilidade e modernizar as infraestruturas públicas nas distintas parroquias do termo municipal. Na actualidade, o goberno local ten en marcha seis importantes proxectos técnicos que mobilizan un investimento global de 1.356.242,14 euros.
As intervencións abranguen actuacións de mellora integral de pavimentacións en núcleos rurais, acondicionamento de vías con alta densidade de tráfico e optimización de camiños rurais fundamentais para o sector primario.
Principais actuacións en marcha
O proxecto de maior contía económica é a mellora da capa de rodaxe entre As Torres, na parroquia de Oza, e Cances Grande, en Cances, cun orzamento base de licitación de 481.964,74 euros. A actuación permitirá optimizar un importante eixo de comunicación transversal moi utilizado pola veciñanza. Actualmente, o procedemento atópase na fase de avaliación das ofertas presentadas polas empresas licitadoras.
Tamén destaca a mellora da pavimentación no núcleo rural de Imende, en Noicela, cun investimento de 434.808,04 euros. As obras, executadas pola empresa Vázquez y Reino, atópanse xa moi avanzadas e inclúen a renovación integral dos firmes e pavimentos, así como actuacións complementarias en servizos urbanos e canalizacións.
Na mesma liña, avanza cara á súa finalización a mellora da capa de rodaxe na vía que conecta Pereiro Vello e Outón, entre as parroquias de Entrecruces e Rus. Cun investimento de 391.797,88 euros, os traballos céntranse na pavimentación con aglomerado, mellora do trazado dos camiños, reforzo da sinalización e optimización da drenaxe da auga da chuvia.
Outra das actuacións previstas é a mellora da pavimentación en Aldemunde de Arriba, na parroquia de Aldemunde, cun orzamento de licitación de 237.287,66 euros. O proxecto aposta por unha solución respectuosa coa contorna tradicional do núcleo rural, mellorando tanto a rede viaria como as canalizacións superficiais. O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 3 de xuño.
En Goiáns, continúan as obras de mellora da accesibilidade na estrada AC-414 ao seu paso por Xoane da Estrada. Cun investimento de 146.087,85 euros e executadas por Construcciones López Cao, as actuacións buscan incrementar a seguridade peonil mediante a creación de espazos accesibles, canalizacións pluviais e medidas de calmado do tráfico.
Por último, o Concello completou recentemente o proxecto de mellora de camiños rurais 2025-2026 nas parroquias de Rus, Bértoa e Oza. Cun orzamento de 104.295,97 euros e coa colaboración da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), acondicionáronse pistas rurais nos lugares de Loenzo de Abaixo, Serantes do Medio e Outón, fundamentais para o acceso ás explotacións agrícolas e forestais.
Compromiso co equilibrio territorial
O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, destacou que este paquete de obras responde ao compromiso do goberno municipal de garantir un equilibrio territorial nos investimentos públicos.
“Queremos que os veciños e veciñas, vivan onde vivan, conten con accesos dignos, estradas seguras nas que poder camiñar ou circular, e núcleos rurais que conserven o seu encanto pero coas comodidades e servizos propios do século XXI”, sinalou.
Desde o Concello tamén recoñecen o malestar existente polo estado dalgunhas vías municipais, afectadas polas persistentes choivas e as condicións climatolóxicas adversas do último inverno, que impediron realizar con garantías as tarefas habituais de mantemento asfáltico.
Coa chegada do bo tempo e a estabilización meteorolóxica, o goberno municipal comprométese a actuar coa máxima axilidade posible para continuar coa posta a punto da extensa rede viaria municipal.