Veciñanza critica a política de “bacheos eternos” nas estradas municipais de Mazaricos

O Concello de Mazaricos anunciou novos traballos de bacheo en distintos puntos da rede viaria municipal, actuando recentemente na pista local da Ponte Olveira ás Abeleiroas, da Gueima ás Espigas e tamén no interior de Espigas. Segundo o goberno local, estas intervencións buscan mellorar o firme e facilitar a circulación diaria nun concello con máis de 1.500 quilómetros de camiños, pistas e estradas municipais.

Porén, cada vez son máis as voces veciñais que cuestionan este modelo de mantemento baseado en reparacións continuas e parches temporais. Moitos residentes consideran “incrible” que a maioría dos concellos sigan apostando por técnicas de bacheo que, aseguran, apenas duran uns meses antes de volver aparecer os mesmos problemas.

A crítica céntrase especialmente no feito de que, lexislatura tras lexislatura, os gobernos locais reciben partidas económicas de distintas administracións para melloras viarias, mentres as actuacións de fondo seguen sen chegar. “Ao final gástase máis diñeiro en parchear continuamente que en renovar o firme dunha vez e facer as cousas ben”, lamentan varios veciños da zona.

Ademais do mal estado dalgunhas pistas rurais, a circulación constante de maquinaria pesada e vehículos agrícolas acelera o deterioro das estradas, facendo que os baches reaparezan rapidamente tras cada actuación.

A veciñanza reclama agora un plan real de asfaltado e renovación integral das vías máis deterioradas, priorizando obras duradeiras fronte ás reparacións puntuais que, segundo denuncian, “só serven para saír na foto e volver actuar no mesmo sitio meses despois”.