O Auditorio Municipal de Cabana rende homenaxe a Ramón Ameijenda Pazos, “Xtremis”

O Auditorio Municipal de Cabana acolleu onte un emotivo acto de homenaxe ao noso veciño Ramón Ameijenda Pazos, coñecido por todas e todos como “Xtremis”.

A xornada estivo marcada pola emoción, o recoñecemento e o agradecemento a unha figura moi querida pola veciñanza. Durante o acto, a compañía Casahamlet ofreceu a interpretación da obra “Podes sorrir e ser un bellaco”, unha actuación que emocionou ao público asistente e que serviu para facer aínda máis especial esta homenaxe.

Desde o Concello queremos agradecer a todas as persoas que se achegaron ao Auditorio para acompañarnos nun día tan significativo e, de maneira moi especial, a Xtremis por permitirnos compartir con el este momento inesquecible.

Unha homenaxe sentida a unha persoa que deixa pegada na nosa comunidade.