
A Xunta recibiu un total de 10 ofertas de empresas para a construción das obras das novas sendas peonís na estrada autonómica AC-433, no concello de Laxe.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia galega de infraestruturas, destinará un investimento total ás obras que superará os 1,1 M€ (. Trátase de construír dous novos tramos de sendas peonís nesta vía autonómica: un primeiro que parte do núcleo de Castrelo uníndose coa senda xa executada en Serantes; e un segundo, que enlaza este núcleo co de Laxe.
Estes novos itinerarios, que se desenvolverán pola marxe dereita da AC-433, no seu percorrido polo municipio coruñés de Laxe, acadarán unha lonxitude total de preto de 2 quilómetros (1.903 metros).
Así, segundo o proxecto licitado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, executarase un primeiro tramo de senda situado preto de Castrelo, no punto quilométrico 10+493, que finalizará no inicio da senda existente en Serantes, no punto 11+075.
O segundo tramo permitirá a conexión entre Serantes e Finllido, discorrendo entre os puntos 11+731 e 12+427. Neste treito prevense dúas zonas de aparcamentos.
Con estas actuacións a Xunta dálle continuidade aos itinerarios xa executados na estrada AC-433 en Soesto e Serantes, no municipio de Laxe, conformando así un itinerario continuo e seguro para os peóns.
Este proxecto prevese que sexa cofinanciado con fondos europeos FEDER 21/27.