A Xunta pon en valor en Mazaricos as xuntanzas do proxecto fixar para potenciar os colivings e o emprendemento no rural

A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, participou hoxe nunha nova xuntanza dos participantes no proxecto Fixar, unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta en colaboración coa Asociación Cultural Sende para atraer nómades dixitais e fixar poboación no rural. Esta rede integra os espazos de coliving de Sende (Lobeira, Ourense), Anceu (Ponte Caldelas, Pontevedra) e iSlow (Laxe, A Coruña) e ten como obxectivo fomentar o intercambio de experiencias e o desenvolvemento de iniciativas emprendedoras que contribúan á dinamización do territorio.

Mariño subliñou a importancia destas xuntanzas para visibilizar o potencial do modelo coliving, que se está a consolidar como unha ferramenta eficaz para promover o emprendemento fronte a desafíos como o reto demográfico e a falta de remuda xeracional no rural. A este respecto, destacou que o programa se consolidará coa nova edición de 2026 na que se están a activar as primeiras estadías nos diferentes espazos da rede.

‘Camiño do emprendemento musical’ en Muxía

Previamente, a directora xeral achegouse na xornada de hoxe ao camping Lago-Mar de Muxía, onde se están a desenvolver as Xornadas de convivencia e formación na industria musical, enmarcadas no programa Camiño do emprendemento musical, organizado por Wake Up co apoio da Xunta.

O evento reúne profesionais e persoas mozas interesadas en explorar as oportunidades laborais e de emprendemento vinculadas á industria musical e aos eventos culturais, arredor dunha completa programación orientada a promover novas oportunidades de desenvolvemento laboral e autoemprego neste sector.

Así, ao longo da tarde están previstas sesións sobre psicoloxía e saúde mental na industria electrónica, iniciación ao desenvolvemento de carreira artística e obradoiro de DJ.