O Concello de Zas chama á tranquilidade ante as informacións sobre o permiso mineiro “Jorge Reyes”

O Concello de Zas quixo trasladar unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza ante a preocupación xerada nos últimos días por diversas informacións relacionadas co permiso de investigación mineira denominado “Jorge Reyes”.

Segundo informou o goberno municipal, a defensa dos intereses do municipio e o benestar dos veciños e veciñas continúan a ser a súa principal prioridade. Neste contexto, o alcalde mantivo este mesmo día unha reunión coa directiva da Asociación A Fonte de Fornelos para informar da situación actual do expediente e escoitar as inquietudes trasladadas polos representantes veciñais.

Co obxectivo de ofrecer a máxima transparencia e facilitar o acceso á información dispoñible, o Concello de Zas e a Asociación A Fonte de Fornelos convocan para o vindeiro venres ás 21:30 horas unha reunión aberta á veciñanza. Durante o encontro compartiranse os datos coñecidos ata o momento, resolveranse dúbidas e atenderanse as preguntas que poidan formular os asistentes.

Desde o Concello lembran que o expediente en cuestión corresponde a un permiso de investigación mineira e non a unha concesión de explotación. Ademais, subliñan que a súa tramitación, avaliación e resolución son competencia exclusiva da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a administración local considera que as peticións de información sobre este procedemento deben dirixirse ao organismo competente, a Xunta de Galicia, e non ao Concello, que non ten capacidade de decisión sobre a autorización do proxecto.

Así mesmo, o Concello destaca que o documento denominado “Proxecto de investigación refundido do permiso de investigación Jorge Reyes nº 7148. Provincia da Coruña” é de carácter público e pode ser consultado libremente a través da páxina web da Xunta de Galicia.

A reunión do venres servirá para manter informada á cidadanía e favorecer un espazo de diálogo sobre unha cuestión que está a xerar interese e preocupación entre a veciñanza do municipio.

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/explotacions-mineiras?content=expediente_0057.xml&fbclid=IwY2xjawSMT4lleHRuA2FlbQIxMABicmlkETBoZ0RpU0JUZG9saGwzMVEwc3J0YwZhcHBfaWQQMjIyMDM5MTc4ODIwMDg5MgABHlzXcfz050ybBMnsrzeXCZZTlOG0FI-JPIS4qheunn4k39GmwNOiRFPR6I87_aem_wcidyRJ0PIA-07wAPSkOwg