A Baña súmase ao programa Experiencias 2026 das Terras de Santiago

O Concello da Baña formará parte do programa Experiencias 2026 das Terras de Santiago, unha iniciativa de ecoturismo que busca poñer en valor a riqueza paisaxística, gastronómica, patrimonial e cultural dos concellos que integran este xeodestino.

A cita na Baña terá lugar o vindeiro 27 de setembro, cunha proposta centrada no lema “Sabor e tradición con showcooking”, unha actividade que permitirá ás persoas participantes achegarse á gastronomía local e descubrir os sabores máis representativos do territorio a través dunha experiencia participativa e divulgativa.

O programa Experiencias 2026 está deseñado para promover un turismo sostible e de calidade, convidando a veciños e visitantes a coñecer con calma a identidade, as tradicións e os recursos naturais das Terras de Santiago. Ao longo do ano desenvolveranse actividades en diferentes municipios do xeodestino, entre eles Santa Comba, Negreira, Brión, Rois, Val do Dubra, Ames, Teo, Boqueixón, Vedra e A Baña.

Desde o Concello da Baña anímase á veciñanza a reservar esta data no calendario e a participar nunha xornada que combinará gastronomía, cultura e promoción do patrimonio local.

Nas próximas semanas daranse a coñecer máis detalles sobre o desenvolvemento da actividade e o programa previsto para esta experiencia.