APIN anima á veciñanza a presentar suxestións ao Plan de Xestión do Risco de Inundacións

Hai uns días, APIN informaba nas súas redes sociais sobre as actuacións previstas para reducir o impacto das inundacións en Ponteceso, entre elas a relacionada co campo de fútbol. Agora, coa exposición pública do borrador do Plan de Xestión do Risco de Inundacións da Xunta de Galicia ata o próximo 30 de xuño, a asociación considera que este é o momento clave para trasladar propostas e suxestións que poidan ser estudadas polos equipos técnicos responsables.

Desde APIN anuncian que presentarán diversas medidas que levan anos defendendo e que consideran fundamentais para mellorar a seguridade fronte ás enchentas. Algunhas destas actuacións xa foran aprobadas no ano 2018, aínda que finalmente non chegaron a executarse.

Entre as propostas que a entidade considera prioritarias destacan:

  • A instalación de comportas na estrada de Carballido, ao lado da igrexa da Graña, que permitirían embalsar a auga unicamente en situacións de enchenta.
  • A busca dunha nova ubicación para a estación depuradora de augas residuais e a retirada dos recheos existentes, unha actuación que APIN considera prioritaria incluso antes da intervención prevista no campo de fútbol.
  • A colocación de novas clapetas nos regos de Ponteceso, situadas a distintos niveis das actuais, co obxectivo de facilitar o desaugadoiro mesmo con media marea.
  • A utilización do Xuncal da Ferradura como zona de laminación ou balsa natural para a acumulación temporal de auga durante os episodios de inundación. Segundo APIN, trátase dunha actuación básica, de custo moi reducido, e cuxa ausencia segue sen entenderse.

A asociación fai un chamamento á participación cidadá para que todas aquelas persoas interesadas presenten as súas achegas durante o período de exposición pública, contribuíndo así á definición dun plan que permita reducir os efectos das inundacións e mellorar a protección do territorio e da veciñanza.