O BNG de Zas reclama a gratuidade da AG-55 e asegura que “non somos galegos de segunda”

O BNG de Zas reivindicou hoxe a gratuidade da autoestrada AG-55, unha demanda histórica para Bergantiños e a Costa da Morte que a formación nacionalista considera unha cuestión de xustiza territorial e de igualdade para a veciñanza da comarca.

Desde o Bloque denuncian que os habitantes da Costa da Morte continúan sufrindo unha situación discriminatoria respecto doutras zonas do país, ao teren que asumir custos adicionais nos seus desprazamentos diarios por unha infraestrutura que consideran esencial para a mobilidade e o desenvolvemento económico da comarca.

“Non somos galegos de segunda”, sinalaron desde a organización local, que insta á Xunta de Galicia a adoptar as medidas necesarias para avanzar cara á eliminación das peaxes na AG-55.

O BNG lembra que o Partido Popular destinou arredor de 300 millóns de euros ao rescate de autoestradas a través dos impostos da cidadanía galega. Segundo denuncian, malia ese importante investimento público, as vías continúan a ser de pagamento para os usuarios, unha situación que consideran inxustificable.

A formación nacionalista sostén que a gratuidade da AG-55 contribuiría a mellorar a competitividade económica da Costa da Morte, facilitaría os desprazamentos laborais, educativos e sanitarios da poboación e favorecería a cohesión territorial de Galicia.

Desde o BNG de Zas comprométense a seguir defendendo esta reivindicación nas distintas institucións e fan un chamamento á veciñanza para apoiar unha demanda que consideran “lexítima e necesaria” para garantir a igualdade de oportunidades entre todos os galegos e galegas.

“A Costa da Morte non pode seguir pagando por unha infraestrutura fundamental mentres noutras partes do país se avanza cara á eliminación das peaxes. A gratuidade da AG-55 é unha cuestión de xustiza para Bergantiños e para toda a comarca”, conclúen.