Arte, música tradicional e tamén de vangarda con Su Garrido: tres citas esta semana como antesala do San Xoán

Aínda que a Semana Grande do San Xoán comeza o 22 de xuño, a partir do xoves 18 a Concellaría de Cultura propón tres citas para ir adiantando as festas: dirixidas para todos os públicos e con acceso libre e gratuíto. Arte, música tradicional ou música de vangarda encherán o Pazo da Cultura e a Praza do Concello:

  • Xoves 18 de xuño: inauguración da exposición colectiva “O susurro dos antergos” ás 21.00 horas no Pazo da Cultura.
  • Sábado 20 de xuñoFoliada do San Xoán co cinco agrupacións de Carballo e Lorelia ás 20.00 horas na Praza do Concello.
  • Domingo 21 de xuño: concerto Traspielas, de Su Garrido Pombo ás 20.00 horas no Pazo da Cultura.

Con motivo da Festa europea da música do 21 de xuño, Carballo acolle un concerto da Deputación da Coruña que mestura música electrónica, música clásica e sons tradicionais grazas a o proxecto de Su Garrido Pombo, Traspielas. Garrido artella esta proposta xunto con Macarena Montesinos (cello), Iago Ramilo (saxo), Marco Maril (electrónica) e Fran Rodriguez Casal (visuais). Nel celebran a memoria colectiva dunha aldea a través dunha obra musical, poética e visual. Músicas de recoñecida traxectoria e de estilos diversos como a electrónica, a experimentación ou a tradicional conflúen para crear unha obra actual, partindo de pezas recollidas en Traspielas -lugar natal de Garrido no concello de Fornelos de Montes, Pontevedra- e de proxeccións con imaxes actuais e de vídeo arquivo. O obxectivo é o de dar nova vida a estas cancións nunha proposta artística multi disciplinar e contemporánea que pon en valor a comunidade e a cultura popular dun territorio.

A arte ten cabida no San Xoán grazas á exposición colectiva que artistas de Carballo e de Bergantiños preparan cada ano. Neste 2026, fano baixo o título “O susurro dos antergos”. Trátase dunha mostra que contará coa ollada de artistas ben coñecidos do panorama artístico que unen a súa creatividade arredor do mesmo leitmotiv. O público que se achegue a visitala atopará obras de Milagros Cotelo, Cristina Castro, Isabel Soutullo, XMÑ (Maribel Castiñeira), Loli España, Luis Pesce e Mon Lendoiro. A exposición mergúllase na riqueza da mitoloxía galega, dando vida aos seus seres, lendas e simboloxías. A través dunha mestura de obras plásticas, instalacións e performance, a exposición crea un espazo sensorial onde o pasado e o presente dialogan. Un convite a escoitar as voces antigas que aínda latexan na nosa memoria colectiva.

Foliada de Carballo e Lorelia


Un ano máis Carballo recupera a Foliada do San Xoán, un encontro para todas as idades no que as agrupacións de música e baile tradicional do municipio convidan a todo o mundo a participar nas festas patronais. As e os asistentes poden unirse a esta celebración inspirada nas foliadas de sempre para desfrutar da nosa tradición. Está prevista a presenza da Escola do Alprende de Oza, a AC Arume de Verdilllo, a AC Nemeth, a AC San Campio de Cances e o Coro Aires de Bergantiños. A cita, a partir das 20.00 horas na Praza do Concello, tamén contará coa actuación do grupo Lorelia , que conta cun integrante de Carballo, Xairo Campos.


Lorelia é o novo nome e o seguinte paso artístico que dá o grupo que ata o remate de 2025 se coñecía como Paracetafolk. que gañou o Premio Martín Códax da Música de 2025 na categoría de Artista Emerxente. O
carballés Xairo Campos está a rematar os seus estudos de Composición no Conservatorio Superior da Coruña (no que entrou coa máxima cualificación), dirixe dous coros e forma parte de varias agrupacións, entre elas unha charanga que ten actuado varias veces no municipio e a Big Band do Conservatorio de Carballo.