
Diversos veciños do concello de Zas amosaron o seu malestar polo que consideran un estado de abandono en diferentes infraestruturas e espazos públicos do municipio.
Entre as principais queixas atópase a falta de limpeza da estrada que comunica Zas coa Piolla, pasando por O Sisto, unha vía que, segundo denuncian, leva un ano máis sen recibir labores de mantemento. Tamén sinalan problemas na zona de Baio, onde a maleza invade as marxes dalgunhas estradas ata o punto de dificultar o cruce de dous vehículos.
Os residentes tamén critican a presenza aínda de elementos da iluminación de Nadal en farolas e árbores da praza de Baio, varios meses despois das festas, considerando que esta situación transmite unha imaxe de deixadez.
Outra das preocupacións expresadas fai referencia ao estado das pistas e camiños forestais. Segundo indican, os traballos realizados por empresas encargadas da limpeza das liñas de media e alta tensión deixaron abundante maleza nos camiños, dificultando o paso e reducindo a súa funcionalidade.
Ademais, os veciños preguntan pola situación das franxas de seguridade contra incendios forestais de 50 metros arredor dos núcleos de poboación, unha medida considerada fundamental para a prevención dos lumes durante a época de maior risco.
As críticas esténdense tamén a distintas parroquias do municipio. Na zona das Hedreiras, os denunciantes aseguran que a vexetación medrou de tal maneira que a comparan cunha «selva», reclamando unha actuación urxente por parte da administración local.
Os afectados consideran que o Concello debe pasar das promesas aos feitos e demandan unha maior atención ao mantemento das infraestruturas, á limpeza viaria e á prevención dos incendios forestais para garantir a seguridade e a calidade de vida da veciñanza.