APIN Ponteceso denuncia a desaparición da zona de sombra para persoas con mobilidade reducida na praia de Niñóns

Hai aproximadamente un ano, o Concello de Ponteceso anunciou como unha actuación «novidosa» a instalación dunha zona de sombra destinada ás persoas con mobilidade reducida na praia de Niñóns. Xa daquela, desde APIN Ponteceso chamamos a atención sobre unha evidente contradición: a estrutura foi colocada no medio do areal sen ningunha pasarela de acceso que permitise chegar ata ela ás persoas ás que supostamente estaba destinada.

Naquel momento pensamos que se trataba dunha primeira fase da actuación e que o Concello completaría posteriormente a infraestrutura cos accesos necesarios para garantir a súa utilidade e accesibilidade.

Porén, un ano despois comprobamos que non só non se completou a obra, senón que a propia instalación desapareceu. Na actualidade non queda rastro da zona de sombra, nin sequera da cimentación que a sustentaba.

Como este tipo de actuacións e a súa posterior desaparición non aparecen recollidas na información municipal, desde APIN Ponteceso publicamos a captura da noticia difundida polo Concello o ano pasado xunto cunha fotografía actual do lugar, tomada un ano despois.

Desde APIN Ponteceso consideramos necesario que o Goberno municipal explique que ocorreu con esta actuación, canto custou ás arcas públicas e cales son os motivos polos que unha infraestrutura presentada como unha mellora para a accesibilidade da praia acabou desaparecendo sen explicacións públicas.

As persoas con mobilidade reducida merecen actuacións útiles, planificadas e completas, non anuncios que co paso do tempo rematan converténdose nun exemplo máis de improvisación e falta de seguimento.