A Xunta impulsa o polígono de Cabana con 267.000 m² de solo industrial para reforzar a Costa da Morte

O Consello da Xunta de Galicia aprobou este luns novas actuacións que permitirán a creación de case medio millón de metros cadrados de solo empresarial na provincia da Coruña, entre elas o futuro polígono de Cabana de Bergantiños e a ampliación do parque empresarial de Merelle, en Ordes.

No caso de Cabana, o proxecto está promovido por Xestur no marco do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (PSOAEG). A Xunta deu luz verde á aprobación inicial do Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE), paso clave para o desenvolvemento da infraestrutura.

O novo polígono contará cunha superficie total de 267.216 metros cadrados e un investimento estimado de 26 millóns de euros. Paralelamente, Xestur iniciou os trámites para licitar a expropiación dos terreos, co obxectivo de axilizar os prazos e poder comezar as obras o antes posible.

Segundo sinala a Xunta de Galicia, este parque empresarial encaixa na estratexia de ampliación de solo industrial público en zonas con demanda e capacidade de desenvolvemento económico. O obxectivo é favorecer a implantación de empresas, consolidar actividade produtiva e xerar emprego na Costa da Morte.