
O Grupo Municipal Socialista de Malpica presentou unha proposta para a creación dunha tarxeta especial de estacionamento destinada ás traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co obxectivo de garantir unha atención áxil e eficaz ás persoas dependentes durante os meses de maior afluencia turística.
Segundo explica o grupo socialista, o persoal do SAF presta un servizo esencial a domicilio, atendendo a persoas maiores e dependentes con horarios moi estritos e necesidades que requiren puntualidade. Porén, durante os meses de xullo e agosto, a elevada chegada de visitantes ao municipio provoca importantes problemas de aparcamento no núcleo urbano de Malpica, dificultando os desprazamentos das profesionais entre os distintos domicilios.
Desde o PSOE local advirten de que esta situación está a provocar atrasos na prestación da atención social e asistencial, afectando directamente á calidade do servizo que reciben as persoas usuarias.
Para facer fronte a este problema, a iniciativa socialista propón a creación de tarxetas especiais de estacionamento para o persoal do SAF que se atope en servizo durante os meses de xullo e agosto. Estas acreditacións permitirían aparcar en zonas habilitadas do casco urbano mentres realizan as súas funcións de atención domiciliaria.
Ademais, a proposta inclúe a celebración de reunións de coordinación entre o Concello de Malpica, as traballadoras do servizo, a empresa concesionaria e a Policía Local, co fin de establecer os criterios de funcionamento da medida e garantir a súa correcta aplicación.
O Grupo Municipal Socialista considera que se trata dunha solución “sinxela, viable e necesaria” para asegurar que as persoas dependentes reciban a atención que precisan sen que os problemas de aparcamento supoñan un obstáculo. Por iso, solicita ao Goberno municipal que adopte esta medida con carácter urxente e que estea operativa xa durante os meses de maior presión turística deste verán.
“Garantir que as profesionais do SAF poidan realizar o seu traballo en condicións adecuadas é tamén garantir unha mellor atención ás persoas maiores e dependentes de Malpica”, destacan desde o grupo socialista.