
O escritor, político e colaborador da revista cultural Nós a xente do redor, Xesús Deus Gende, acaba de presentar a súa terceira obra literaria, titulada Historias do tío Laranxo. O autor carballés continúa apostando pola editorial Andrómeda Senlleira, dirixida polo poeta Avelino Jácome, que xa publicara o seu anterior traballo, O espertar dos monicreques.
Segundo explica o propio escritor, a elección desta editorial responde á proximidade e implicación que atopou no equipo humano que a conforma. “En Andrómeda Senlleira atopo cercanía, un traballo ben feito e, sobre todo, unha grande colaboración no desenvolvemento das obras”, sinala.
Historias do tío Laranxo nace dunha lembranza da infancia do autor. “Cando era cativo, na casa dos meus pais, escoitei falar dunha antiga cántiga popular que facía referencia a un tal tío Laranxo. Esta obra é, dalgún xeito, unha homenaxe non só á tradición popular, senón tamén á persoa que un día lle deu vida a esa composición”, comenta.
O libro está dirixido a públicos de todas as idades e reúne contos e relatos que agochan mensaxes sinxelas e facilmente identificables. A través das súas páxinas, o autor pretende transmitir valores como o respecto e a educación, ao tempo que ofrece unha reflexión accesible sobre a complexidade do mundo actual.
“Ademais de entreter, o obxectivo é facer chegar ao lector e á lectora unha visión do mundo desde a sinxeleza, convidando á reflexión sen perder o carácter ameno das historias”, explica Deus Gende.
O escritor agarda que esta nova publicación sexa ben recibida por todas aquelas persoas que decidan mergullarse entre as súas páxinas. Ao mesmo tempo, confirma que xa está a traballar nun novo proxecto literario que, se todo vai ben, podería ver a luz ao longo de 2027.
Con esta publicación, Xesús Deus Gende consolida unha traxectoria literaria que comezou en 2024 con Catro relatos curtos de Deus, continuou en 2025 con O espertar dos monicreques e que agora suma un novo capítulo con Historias do tío Laranxo, reafirmando o seu compromiso coa literatura e coa promoción da cultura galega.