
A Laracha, 17 de xuño de 2026. O Grupo Municipal Socialista da Laracha denunciou este mércores o estado de abandono da área canina municipal e acusou ao goberno local de desatender o mantemento dun espazo público que, segundo aseguran, presenta importantes deficiencias de seguridade e conservación.
A voceira socialista, Inés Ramos, protagonizou unha comparecencia de carácter simbólico na que presentou un “kit de bridas”, composto por elementos como cordas, parches e abrazadeiras plásticas, para denunciar que son os propios usuarios e usuarias quen se ven obrigados a realizar reparacións improvisadas no recinto.
Segundo explicou Ramos, o deterioro do valado perimetral obriga á veciñanza a buscar solucións provisionais para evitar que os cans poidan escapar cara á avenida Manuel Fraga ou á estrada DP-2404, unha situación que cualificou de “inadmisible”.
A responsable socialista criticou o modelo de xestión do executivo municipal, ao que acusou de priorizar as inauguracións fronte ao mantemento das infraestruturas públicas. “O Concello da Laracha vive de inauguracións mentres deixa que os servizos públicos se degraden ata ser perigosos”, afirmou.
Na súa intervención, Ramos asegurou que o parque canino presenta numerosas carencias, entre elas fochancas no terreo que poden provocar accidentes, a mangueira do bebedoiro solta polo chan, falta de roza e limpeza que favorece a proliferación de insectos e a ausencia dunha dobre porta de seguridade na entrada.
A socialista considera que esta última deficiencia supón un “erro de deseño clamoroso” que, ademais, limita o uso de determinadas zonas do recinto, como a área da marquesina e a ducha para mascotas.
Desde o Grupo Municipal Socialista anunciaron que trasladarán esta problemática ao próximo pleno municipal, onde reclamarán a elaboración e execución dun plan técnico de mellora que inclúa o nivelado do terreo, a reparación do peche perimetral e a adopción de medidas que reforcen a seguridade dos accesos.
“Os impostos dos laracheses e das larachesas son de primeira, mentres que o mantemento deste goberno é de saldo”, concluíu Ramos, reclamando unha actuación inmediata para garantir o correcto estado e funcionamento da instalación.
