
Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2026. UCIN Galicia denunciou este sábado o que considera un novo caso de discriminación territorial por parte da Xunta ao deixar fóra á Costa da Morte da ampliación dos recursos de emerxencias sanitarias anunciada recentemente polo Goberno galego.
A formación critica que, mentres comarcas como O Barbanza contarán cunha nova ambulancia medicalizada permanente a partir do 1 de xullo, Sanxenxo recibirá reforzos especiais durante a tempada estival e Moaña incrementará a cobertura do seu Servizo de Soporte Vital Avanzado de Enfermaría (SVAE), a Costa da Morte continúa sen unha ambulancia medicalizada, unha demanda que leva anos sendo reivindicada por veciños e colectivos da comarca.
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, cualificou esta decisión como «unha mostra máis do absoluto abandono institucional que sofre a Costa da Morte».
«Non podemos aceptar que existan galegos de primeira e galegos de segunda. A Xunta de Alfonso Rueda está demostrando cos feitos que hai territorios prioritarios e outros aos que simplemente deixa atrás. A Costa da Morte leva anos reclamando unha ambulancia medicalizada e a resposta segue sendo o silencio», afirmou.
Segundo UCIN Galicia, a comarca rexistra con frecuencia accidentes de tráfico de gravidade, sinistros agrícolas e emerxencias simultáneas nas que unha resposta rápida resulta determinante para salvar vidas.
A formación sostén que a ausencia deste recurso sanitario supón unha situación de desigualdade respecto doutras zonas de Galicia.
«Aquí non estamos falando de privilexios nin de política. Estamos falando de asistencia sanitaria e de igualdade. Cando unha persoa sofre un infarto, un accidente grave ou un traumatismo severo, o tempo marca a diferenza entre vivir ou morrer. E os veciños da Costa da Morte non poden seguir dependendo da sorte nin da distancia», sinalou Calo.
UCIN considera especialmente contraditorio que a Xunta alegue limitación de recursos mentres anuncia novos medios para outras comarcas.
«O argumento de que non hai recursos queda completamente desmontado. Recursos hai. O que falta é vontade política para destinalos onde realmente son necesarios. O Goberno de Alfonso Rueda debe explicar por que a Costa da Morte segue quedando fóra unha e outra vez das prioridades sanitarias da Xunta», engadiu o coordinador da formación.
Finalmente, UCIN Galicia fixo un chamamento aos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte para que actúen de forma conxunta e reclamen unha solución inmediata.
A formación reclama á Xunta a implantación urxente dunha ambulancia medicalizada para a comarca e asegura que continuará apoiando as reivindicacións cidadás ata que a Costa da Morte dispoña dos recursos sanitarios que considera necesarios para garantir unha asistencia en condicións de igualdade co resto de Galicia.