
A formación solicita ao Concello de Arteixo, á Policía Local e á Deputación da Coruña que actúen de maneira inmediata para garantir o libre tránsito peonil, comprobar a legalidade da ocupación existente e eliminar unha situación que obriga aos peóns a camiñar pola estrada.
Arteixo, 1 de xullo de 2026.
Alternativa Enxebre informa de que presentou tres escritos co obxectivo de que as administracións e órganos competentes actúen de maneira inmediata ante a ocupación da única beirarrúa existente no tramo da estrada provincial DP-0514, diante do establecemento Bar O Ferrador.
Nos escritos rexistrados solicítase a inspección inmediata da situación, a comprobación da existencia ou non da correspondente autorización administrativa que ampare a ocupación do dominio público, o acceso á documentación correspondente no caso de existir, así como a adopción das medidas necesarias para restablecer o libre tránsito peonil e garantir a seguridade das persoas.
Alternativa Enxebre considera que a situación existente neste punto resulta especialmente preocupante, xa que a ocupación da única beirarrúa obriga aos veciños e veciñas, así como ao resto das persoas que transitan pola zona, a acceder á calzada da estrada provincial para poder continuar o seu percorrido, incrementando de maneira evidente o risco para a súa integridade física.
A concelleira Noelia Martínez Canosa subliña que «o que está en xogo non é unha simple cuestión administrativa nin unha polémica política. O que está en xogo é a seguridade das persoas. Ningún veciño nin ningunha veciña debería verse obrigado a camiñar pola estrada porque a única beirarrúa existente estea ocupada.»
A formación insiste en que o obxectivo desta actuación non é cuestionar ideas, opinións nin mensaxes de ningún signo político, senón garantir que o dominio público sexa utilizado conforme á legalidade e que os dereitos das persoas peóns sexan plenamente respectados.
Neste sentido, Noelia Martínez Canosa lembra que «hai quen intentou desviar o debate cara ás bandeiras ou aos carteis. Nós non presentamos ningún escrito por ese motivo. O que denunciamos é unha situación que obriga diariamente ás persoas a abandonar a beirarrúa e camiñar pola estrada. Ese é o verdadeiro problema e iso é o que hai que solucionar.»
Alternativa Enxebre presentou un escrito dirixido ao Concello de Arteixo, solicitando a intervención dos servizos municipais competentes e o acceso á documentación relativa á ocupación do dominio público. Así mesmo, presentou un segundo escrito dirixido á Policía Local co fin de que proceda á inspección dos feitos denunciados e ás comprobacións oportunas no ámbito das súas competencias. Finalmente, rexistrouse un terceiro escrito ante o Servizo de Vías e Obras da Deputación da Coruña, como Administración titular da estrada provincial DP-0514, solicitando a súa intervención para garantir a seguridade viaria e peonil e comprobar a legalidade da ocupación existente.
A formación considera que, coa presentación destes escritos, o Concello de Arteixo, a Policía Local e a Deputación da Coruña quedan formalmente coñecedores da situación denunciada e do risco que esta supón para a seguridade peonil, polo que espera que cada un deles actúe con dilixencia no ámbito das súas competencias e adopte as medidas necesarias para poñer fin a esta situación.
Noelia Martínez Canosa sinala que «o que pedimos é moi sinxelo: que se inspeccione a situación, que se comprobe se existe ou non autorización para ocupar ese espazo e que, se non se axusta á legalidade ou compromete a seguridade das persoas, se adopten de inmediato as medidas que correspondan. Unha vez que as administracións competentes teñen coñecemento formal destes feitos, correspóndelles actuar con responsabilidade e coa máxima dilixencia no exercicio das súas competencias, adoptando as medidas oportunas para evitar que se produza calquera accidente ou desgracia derivada desta situación.»
Alternativa Enxebre conclúe reiterando que continuará defendendo o interese xeral, a seguridade da veciñanza e o cumprimento da legalidade, sen excepcións nin privilexios para ninguén.
«As normas están para cumprirse e deben aplicarse por igual a todo o mundo. Ningunha persoa debería verse obrigada a xogar coa súa integridade física por non poder utilizar unha beirarrúa que debe permanecer libre para o tránsito peonil. Esa é a nosa única preocupación e seguiremos traballando para que esta situación se corrixa canto antes.», conclúe Noelia Martínez Canosa.